Estas son as últimas incorporacións á Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego:
SCHLUMPF, ERWIN: HOMICIDIO
Friedrich Glauser, tradución de Laureano Araujo
O suízo Friedrich Glauser naceu en 1896. Foi un toxicómano incapacitado e endebedado de por vida, infrinxiu a lei repetidamente e tivo a miúdo comportamentos de dubidosa moralidade. Por mor diso estivo internado durante anos en institucións psiquiátricas e intentou suicidarse en varias ocasións. Enrolouse na Lexión Estranxeira e levou a cabo os máis inverosímiles oficios. Finou novo. O seu sarxento Studer, cuxa primeira aventura, "Schlumpf, Erwin: Homicidio", se considera a mellor novela policial en lingua alemá, é un detective humanizado, unha sorte de antítese de heroes como, por exemplo, o superdotado e frío Sherlock Holmes. Adoita traballar só, detesta a burocracia e empatiza cos personaxes marxinais con quen se atopa. É un home rexido pola ética da compaixón.
Schlumpf, Erwin: Homicidio, PDF
QUE ERA ISO? UN MISTERIO
Fitz-James O'Brien, tradución de L. C. Carballal
Este relato de terror do escritor irlandés Fitz-James O'Brien foi publicado orixinalmente en 1859. Trátase sen dúbida dun dos seus grandes contos e sitúanos nunha pensión onde o protagonista, tras experimentar co opio e influenciado polas súas lecturas macabras, é atacado por unha misteriosa criatura invisible.
Esta obra aborda unha historia sobrenatural que achega un dos primeiros exemplos da invisibilidade na literatura.
Que era iso? Un misterio, PDF
NO PAÍS DOS CEGOS
H. G. Wells, tradución de Benigno Fernández Salgado
Este conto publicado en 1904 é un dos máis famosos do autor. Está considerado como unha lectura esencial na literatura que trata sobre a cegueira, a non visión, sobre aquilo que non podemos observar pero que, así e todo, sentimos ao noso redor. Para iso, Wells preséntanos a Núńez, que logo de caer por unha ladeira chega a unha vila cuxos habitantes son todos cegos. Créndose o rei, darase de conta que non fai falta ser cego para non ser persoa e que tentar dominar os que xa se dominan a si mesmos só pode traer problemas.
Wells revisou a historia cunha versión expandida que se publicou en 1939.
No país dos cegos, PDF
AGNES GREY
Anne Bronte, tradución de Ana Rozados
Esta novela escrita e publicada en 1847 trata acerca dunha institutriz co mesmo nome e está baseada nas propias experiencias de Bronte na materia. Foi a primeira obra desta autora e, de xeito similar á "Jane Eyre" da súa irmá, é unha novela que sinala a posición precaria que afrontaba unha institutriz e como afectaba a unha muller nova.
Agnes Grey, PDF
INCIDENTES & A VELLA
Daniil Kharms, tradución de Lorenzo Marońo
Daniil Kharms foi un escritor satírico ruso da época soviética que se inclúe dentro da corrente do surrealismo e do absurdo. Kharms non foi demasiado valorado en vida e foi acusado de pertencer a un "grupo antisoviético de escritores". En 1941, pouco antes do sitio de Leningrado, foi arrestado, acusado de distribuír propaganda contra o réxime, foi enviado á prisión de Leningrado e alí morreu de inanición.
"Incidentes" é unha escolma de trinta relatos feita polo mesmo autor en 1939. O título da obra alude a un suceso inesperado e fortuíto que ás veces carece de importancia pero que outras veces desencadea unha traxedia. "A vella" representa a culminación do proceso narrativo de Kharms. Nesta obra, o narrador comparte moitas das preocupacións do autor. O protagonista, obsesionado co paso do tempo, paródiase a si mesmo, atormentado por atopar a inmortalidade.
Incidentes & A vella, PDF
CONTOS DO XAPÓN
Lafcadio Hearn, tradución de Alejandro Tobar
Lafcadio Hearn foi un xornalista, tradutor e escritor británico, de nai grega e pai irlandés. Tras un tempo radicado no Xapón, adoptou o nome de Yakumo Koizumi e obtivo a nacionalidade dese país. Foi un dos primeiros europeos en dar a cońecer a cultura xaponesa en Occidente a través da súa literatura oral.
Contos do Xapón, PDF
O EMPAPELADO AMARELO
Charlotte Perkins Gilman, tradución de José Rodríguez Durán
Esta obra é considerada unha importante obra seminal da literatura feminista norteamericana que ilustra as actitudes no século XIX con respecto á saúde das mulleres, tanto no seu aspecto físico coma mental.
Escrita en primeira persoa, esta historia é un conxunto de anotacións no seu diario escritas por unha muller cuxo marido médico alugou unha mansión antiga para pasar o verán. Esta obra presenta os efectos da falta de estimulación sobre a saúde mental da narradora e como ela, co tempo, vai desenvolvendo unha psicose.
O empapelado amarelo, PDF
O CASAMENTO DO CEO E DO INFERNO
William Blake, tradución de Miguel González Álvarez
Esta obra de William Blake forma parte dunha serie de libros que escribiu a xeito de imitación da profecía bíblica, pero cunha interpretación de seu baseada en crenzas revolucionarias e relixiosas. O texto combina prosa, verso, aforismos e ilustracións. Coma outras das súas obras, foi impresa en láminas realizadas con augaforte.
O título é unha referencia irónica ao "Do ceo e do inferno", do filósofo sueco Swedenborg, que se publicara anos antes, e unha obra que Blake cita e critica en numerosas pasaxes. Malia que boa parte da súa cosmogonía se viu influída por el, a Blake desagradábanlle a súa estrutura moral simplista e mais a súa visión maniquea do ben e do mal, e iso foi o que levou a expresar a súa propia visión, onde o desexo físico e o mundo material son un co mundo divino; isto é, o matrimonio do ceo e do inferno.
O casamento do ceo e do inferno, PDF
LUNS OU MARTES
Virginia Woolf, tradución de Jorge Rodríguez Durán
"Luns ou martes" é unha colección de relatos modernistas de Virginia Woolf publicada en 1921. Esta antoloxía está composta por algúns dos contos máis salientables de Woolf, onde combina o relato fantástico co modernismo. O propio título do libro provén dun razoamento ao pasar nun dos seus grandes ensaios, onde fala da "vida dun luns ou martes", para Woolf o núcleo do que ela considera ficción; é dicir, un estado onde o fantástico se mestura co ordinario, sen que cheguen a percibirse moitas diferenzas entre ambos.
Luns ou martes, PDF
MÚSICA DE CÁMARA
James Joyce, tradución de Lorenzo Marońo
"Música de cámara" foi escrito nos anos universitarios de Joyce e significou a súa primeira publicación. O seu primeiro manuscrito constaba de 34 poemas, e foi rexeitado por catro editoriais, feito que obrigou a Joyce a realizar algunhas modificacións antes de conseguir publicalo. Esta obra está composta de 36 poemas numerados e unidos por unha estrutura temática. A música é esencial e cobra protagonismo dende o principio, non en van, Joyce insistiu na identidade da colección como poemas escritos para ser cantados máis ca lidos.
Música de cámara, PDF
CONTOS
Osamu Dazai, tradución de Dámaso Ferreiro Posse
Osamu Dazai é unha das figuras máis importantes da literatura xaponesa do século XX. Venerado no seu país de orixe, Dazai é considerado o perfecto retratista da dor existencial, unha dor que o levará ao suicidio con apenas 39 anos. Nesta colección preséntanse tres breves traballos representativos do seu labor artístico.
Contos, PDF
UN MUNDO DISTINTO E IGUAL
Joseph Hall, tradución de Alfonso Blanco
Esta obra, escrita en latín en 1605, está considerada como unha das máis valiosas sátiras clásicas dende un punto de vista literario. As súas páxinas, cheas de suxestivos e irrisorios arquetipos humanos, foron o método empregado polo seu autor para atacar a corrupción da Igrexa católica romana. O mundo que nos presenta está ateigado de necios e fanáticos, e nel invértense os roles tradicionais de homes e mulleres e as sociedades están gobernadas por códigos de conduta aloucados. Malia todo, a viaxe de Mercurio Británico por este mundo leva ao descubrimento de que é idéntico a aquel que se ten por civilizado.
Un mundo distinto e igual, PDF
...
Visita o CATÁLOGO COMPLETO da Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego.
ATG. Asociación de Tradutores Galegos
info@tradutoresgalegos.com
+34 652 596 684
Copyright 2012. ATG - Asociación de Tradutores Galegos