Asociación de Tradutores Galegos :: INFORME SOBRE A TRADUCIÓN EN GALICIA
   
Xoves, 20 Abril 2006

INFORME SOBRE A TRADUCIÓN EN GALICIA

0. Introdución

O obxectivo deste traballo é realizar un pequeno informe sobre a tradución en Galicia, entendendo que a tradución, especialmente a literaria, está intimamente ligada coa lectura e co libro no seu conxunto.

A constitución da Mesa do Libro pode ser unha boa ocasión non só para realizar unha análise da situación actual nos diferentes sectores implicados no libro, senón tamén para, á vista desa análise, procurar a adopción de medidas que contribúan a mellorar os puntos débiles, así como a relación entre os diversos sectores vinculados ao libro e entre estes e a Administración.
Cómpre ter en conta que a tradución é un dos piares básicos na normalización do uso da lingua en todas as súas facetas (literaria, científica, audiovisual, ...). A tradución xoga un papel transversal que abrangue múltiples actividades e ámbitos sociais, culturais e profesionais. Desempeña así mesmo unha función moi importante na creación, desenvolvemento e implantación de vocabulario terminolóxico. De aí que, máis alá das consideracións puramente económicas ou comerciais, sexa preciso un apoio comprometido e decidido ao fomento da tradución por parte das Administracións e un apoio do sector da edición privada.
Para a realización deste informe non se dispón dun estudo de conxunto e actualizado sobre a tradución en Galicia, a diferenza do que ocorre noutros sectores (vid. Mapa das Librerías de Galicia do 2003), aínda que dispoñemos de datos parciais tirados dos informes publicados na revista Viceversa e do Anuario de estudios literarios galegos, que se refiren máis a tendencias xerais e menos a datos estatísticos concretos. Xa que logo, trazaremos algunhas grandes liñas a partir do que se coñece de anos anteriores, dos datos dos que dispoñemos e do que podemos percibir entre os profesionais do sector.

1. A situación da actividade tradutora en Galicia

1.1. Revisando a historia da tradución en Galicia podemos deducir que nin hai nin houbo nunca, nin sequera no século XX, intento ningún de presentarlles aos lectores galegos unha selección meditada da literatura universal, coa excepción, quizais, da selección —bastante completa aínda que caótica— de Álvaro Cunqueiro nas páxinas de Faro de Vigo. Cremos que isto se debe a unha falta de directrices por parte tanto das editoriais galegas como das institucións e autoridades culturais (e/ou políticas) do noso país. En efecto, abonda revisar os títulos de obras literarias traducidas ao galego para detectar unha total ausencia de políticas editoriais con respecto á tradución, á literatura traducida e á súa repercusión nos sistemas literarios e lingüísticos galegos. Podemos dicir, como moito, que a única acción consciente e programada é a de fomentar a tradución; non embargante, a selección de obras non respondeu nunca a un programa definido senón ao azar, á casualidade, a gustos persoais, etc.



1.2. A tradución, como actividade social que é, é unha función do momento histórico no que se desenvolve, do contexto sociocultural e político no que se insiren os actores do proceso tradutivo, principalmente o tradutor e a comunidade receptora. Esta afirmación pódese comprobar doadamente nos sistemas culturais marxinais como o galego, que aínda se atopa nunha fase de normalización, a diferencia de sistemas como o español, portugués, francés, etc., que son máis estables e menos vulnerables ao contacto con outros sistemas por estaren completamente normalizados.

No caso galego, esta dependencia do momento sociocultural débese, sobre todo, á azarosa historia política de Galicia, que ve cómo a súa cultura pasa dunha situación de esplendor —e mesmo de dominio no terreo lírico— a estar prohibida como consecuencia de situacións extraculturais (guerras dinásticas, loitas polo poder, eliminación da nobreza autóctona, ditadura, etc.).
Con este panorama podemos dicir, tomando as palabras do escritor Xelís de Toro, que, salvo na Idade Media, a produción cultural en galego e en Galicia nunca foi inocente. É dicir, o feito mesmo de escribir na lingua cotiá dunha grande parte da poboación —algo que debería ser espontáneo, natural e inocente— convértese, inevitablemente, nunha opción non só cultural senón tamén, e sobre todo, política, isto é, nun compromiso coa lingua, a cultura e o pobo.





Para afondar no tema da inocencia dos actos culturais pensemos que un escritor galego que hoxe teña máis de trinta anos non tivo nunca a oportunidade de formarse como escritor en galego, senón en castelán (ou tamén noutras linguas, os máis afortunados) e que, polo tanto, para el a expresión literaria en galego non é algo normal —no sentido de que non é unha actividade normalizada e natural— nin por suposto espontáneo. A situación é, dende logo, moi diferente para un escritor español, portugués, francés, etc.,  que si tivo a oportunidade de formarse —de formar a súa propia sensibilidade— como lector e escritor lendo a literatura universal na súa propia lingua e mesmo podendo acceder a diversas traducións dunha mesma obra. Para este lector, adoptar a súa lingua cotiá como vehículo de cultura si é algo normal e espontáneo, algo que non ten que decidir conscientemente no momento de comezar a escribir.
E se isto é certo para a literatura galega, o mesmo podemos dicir da tradución á nosa lingua: nunca foi un labor inocente, senón máis ben todo o contrario, un compromiso. Trala desaparición practicamente total das formas literarias galegas autóctonas e do galego como lingua de cultura —mesmo poderiamos dicir como lingua escrita—, o feito de traducir non podía nin pode estar motivado por un simple afán de dar a coñecer literaturas estranxeiras. A tradución ao galego estivo sempre motivada e dirixida por uns idearios que poderiamos cualificar como políticos. Puramente políticos no sentido máis duro da palabra nun primeiro momento (finais do século XIX e comezos do XX) e, nunha segunda etapa (na actualidade e dende finais da década de 1970), uns idearios de política cultural; é dicir, políticas de deseño cultural e apoio á normalización lingüística a través da publicación de traducións.

 

1.3. Un dos instrumentos utilizados neste labor de normalización e normativización da lingua foi a tradución. pero máis que pensar no lector galego como receptor último das traducións ou como beneficiario do dobre proceso de normalización-normativización e da renovación do panorama literario, pénsase, sobre todo, na lingua: no seu enriquecemento e na súa fixación. Dado que a lingua era a prioridade, como non podía ser doutro xeito nese momento, non se pode dicir que exista unha política de traducións definida con respecto a ningunha lingua ou literatura foránea. Tradúcense libros infantís e xuvenís e cómics para crear un público lector entre os máis novos, que ata o momento só podían acceder a textos en castelán; e por outra parte tradúcense algunhas obras da literatura universal, tanto clásicas como contemporáneas. Porén, o abano de títulos é, aínda que relativamente longo, caótico. Se ben se fan algunhas calas en practicamente tódalas grandes literaturas, non hai un proxecto consciente e reflexionado de presentar verdadeiras seleccións do máis representativo e importante de cada unha delas. No caso das literaturas en lingua inglesa, por exemplo, só temos en galego sete obras de Shakespeare: Macbeth, Hamlet, As alegres casadas, Othelo, O rei Lear, Romeo e Xulieta e A tempestade; existe Unha viaxe sentimental por Francia e Italia de Sterne, pero non a súa monumental The life and opinions of Tristram Shandy; de Dickens, Conto de Nadal e Contos de fantasmas, pero non Hard Times ou The Pickwick Papers; de Virginia Woolf só podemos ler en galego Cara ao faro e As ondas. E a lista podería aumentarse con clamorosas ausencias: Herman Melville, Thomas Hardy, Emily Dickinson, William Faulkner, Frank Norris, Walt Whitman, Scott Fitzgerald, Joseph Conrad e un longo etcétera de poetas, novelistas e dramaturgos de tódalas nacionalidades.
Se o obxectivo de crear un público lector infantil se cumpre, e as expectativas de que así sexa poden ser boas, é de supoñer que no prazo duns dez ou quince anos haberá unha maior demanda de literatura para adultos e que a oferta será tamén maior. Hoxe por hoxe, por exemplo, é case imposible atopar traducións galegas dos premios Nobel (coa única excepción de Traballo de campo do irlandés —¡de novo Irlanda!— Seamus Heaney) ou dos best-sellers máis populares. É certo que os dereitos de tradución destes autores son moi elevados, pero a desculpa que invariablemente ofrecen os editores galegos segue a ser que non hai mercado para eles.


1.4. Coa creación no ano 1984 da Asociación de Tradutores Galegos (ATG) comezaron unha serie de tentativas de mellorar o programa de traducións procurando unha elección consciente dos títulos que, ademais de apoiar o proceso de normalización-normativización, prestase un verdadeiro servicio á literatura e aos lectores galegos. No ano 1999, a ATG lanzou o seu novo proxecto BIVIR (Biblioteca Virtual): unha biblioteca electrónica en internet (http://www.bivir.com) na que se poderán consultar de forma gratuíta as obras da literatura universal que aínda non son rendibles para as editoriais galegas. O obxectivo deste proxecto é que a medio prazo, cando as editoriais vexan o proxecto en marcha, se interesen por estas obras e as publiquen en papel. Neste momento, a lista de obras xa dispoñibles na rede ou en proceso de tradución inclúe obras de Guy de Maupassant, Prosper Merimé, Washington Irving, Andersen, Katherine Mansfield, Stendhal, Swift, Ionescu, Tournier, Montgomery, Colette, Sarrasin, Joseph Sheridan, Henry James, Proust, etc.

1.5.
a)
Por unha parte, a cara máis negativa é que non existiu unha planificación das traducións debido a que a tradución se utilizou case exclusivamente como un instrumento ao servizo da lingua e non ao da literatura ou dos lectores. Esta situación explica que existan aínda grandes lagoas canto á literatura universal que podemos ler en galego.

b) Por outra parte, o obxectivo lingüístico conseguiuse en boa medida: as traducións contribuíron á madurez do galego como lingua de cultura, axudando ao desenvolvemento e creación de léxico, facilitando a entrada de novos campos terminolóxicos e desenvolvendo as capacidades expresivas da lingua. Aínda que tamén é certo que quedan campos do saber nos que o galego non ten a presencia que debera e que, polo tanto, as próximas traducións se teñen que dirixir a eses campos, especialmente o científico.

c) En terceiro lugar, as traducións conseguiron que se amplíe o número de xéneros literarios cultivados en Galicia así como o fortalecemento dos tradicionais. O xénero policial ou novela negra, por exemplo, non tivo representantes en Galicia ata despois da aparición das primeiras traducións. Pero o beneficio fundamental das traducións literarias chegará, previsiblemente, dentro duns dez ou quince anos, cando comecen a publicar as súas obras os autores  que se están formando nestes momentos grazas á posibilidade de leren en galego unha parte da literatura universal.



2. Tendencias xerais na tradución ao galego dende 1993

A continuación aparecen algúns datos xerais sobre as tendencias da tradución dende 1993 ata 2001. Os datos estatísticos son xerais. Cómpre facer un estudo máis detallado por xéneros e por linguas.

1993
Este ano é se cadra máis proveitoso en número de títulos (145). Tradúcese maiormente literatura infantil (case un 50% dos títulos publicados), se cadra debido á demanda e tamén ao menor custo de publicación (son libros cun número reducido de páxinas, en liñas xerais).

1995
Publícanse 76 títulos, o que supón un descenso de praticamente o 50% da publicación de 1993, e segue a tendencia a traducir títulos principalmente títulos de literatura infantil. Suprímese o premio Ramón Cabanillas que constituíu unha clara motivación para a actividade tradutora, especialmente para os encargos feitos dende as editoriais privadas. Este feito pode condicionar, dalgunha maneira, a tendencia á redución da publicación das traducións en lingua galega.

1996
Apréciase un retroceso no panorama das traducións ao galego, especialmente na poesía, no teatro e no ensaio. A tradución de literatura infantil e xuvenil segue a ser o esteo fundamental da tradución. Este dato, malia que pode ser interpretarse como negativo, pode servir para consolidar futuros lectores que demanden textos traducidos. Hai un abano moi pequeno de linguas traducidas: maiormente proceden do español e do inglés, seguidos por textos cataláns, franceses, latinos, portugueses, alemáns e italianos. Son moi importantes os esforzos da Editorial Galaxia (tradución de obras canónicas das literaturas nacionais europeas), da Editorial Xerais (coa colección “Grandes do noso tempo” e a aparición de “Ablativo absoluto” onde se publican versións bilingües) e de Tris-Tram e Laoivento (especialmente no texto ensaístico).

1997
Hai un pequeno aumento no número de traducións e tamén se abranguen máis xéneros. Segue ocupando o primeiro lugar a literatura infantil e xuvenil. As linguas máis traducidas son o español, francés, inglés, catalán e alemán por esta orde. Por xéneros literarios destacan Tris-Tram e Galaxia na narrativa para adultos; Espiral Maior e Xerais en poesía en Laiovento en ensaio.

1998
Hai un pequeno medre no número global de traducións pero nótase un descenso moi marcado no apartado de narrativa para adultos que, se cadra, é o tipo de textos que máis impacto ten nos lectores. O número de linguas traducidas é maior, aínda que as traducións do ruso, eusquera, latín e neerlandés son unicamente simbólicas.

1999
Tradúcense unicamente 69 títulos porque hai un descenso moi importante da tradución do libro infantil e xuvenil e, tamén, da poesía, que perde case a metade dos títulos. Pola contra, aumentan minimamente as traducións de narrativa e de ensaio. Este ano prodúcese un fenómeno significativo: a literatura latina e grega igualan en títulos ás literaturas francesas e inglesas.

2000
Aumenta un 30% o número de títulos traducidos. O español segue a ser a lingua máis traducida, seguido do inglés e francés; a moita distancia, o catalán, alemán, eusquera, italiano, portugués, asturiano, ruso, dinamarqués, grego clásico, latín e islandés. A narrativa para adultos mantén unhas cifras constantes; porén, non hai presenza de clásicos da literatura universal. A poesía mantén a súa tendencia á baixa.

2001
Descende un 24% o número de títulos traducidos volvendo ás cifras de 1988 ou 1999. Destaca a tradución de O señor dos aneis de Tolkien en Xerais. Esta editorial é a que mantén o liderado na publicación de traducións. Aumenta levemente a tradución de poesía.

En todos estes anos a tradución mostra un corpontamento errático, xa que non existe unha planificación do que se debe traducir. En todo caso, nesta década nótase unha caída do número de títulos traducidos, xa que a tradución se apoia basicamente na literatura infantil e xuvenil. Cando cae a demanda neste xénero, caen as cifras globais. Tamén se nota un progresivo desánimo na aposta pola tradución nas editoriais privadas, se cadra polo baixo índice de vendas. A Administración non consegue corrixir esta tendencia.



3. Informe DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas, Oportunidades).

3.1. Debilidades

3.1.1.
En xeral, a tradución vese afectada pola situación xeral do libro: (i) Baixos índices de lectura en galego;  (ii) Baixos índices de vendas do libro en galego, condicionadas moitas veces polas recomendacións de centros de ensino (que posiblemente non recomenden a lectura de traducións, especialmente cando hai unha tradución ao castelán); (ii) Baixos índices de dotación bibliotecaria pública. (iv) Competencia moi forte doutros produtos culturais de consumo masivo (audiovisuais e informáticos). (iv) Estancamento ou redución do número de títulos publicados en lingua galega polas editoriais privadas. (v) Diminuición do volume total de exemplares publicados en lingua galega.

3.1.2. Falta de planificación nas traducións pero tamén na normalización lingüística e cultural do país.

3.1.3. Falta de apoio decidido á tradución por parte das autoridades culturais, aínda que se asinen convenios para desenvolver proxectos concretos (Consellería de Cultura).

3.1.4. Falta dunha aposta decidida das editoriais polas traducións, condicionadas, probablemente, pola situación do mercado, polo pagamento de dereitos elevados e, se cadra, pola falta de subvencións.

3.1.5. Lagoas importantes na presenza do galego en traducións tanto a nivel de determinados xéneros literarios ou tipos de obras (best-sellers), como de determinados autores ou tradicións literarias, por razóns diversas (inexistencia dun mercado suficiente, segundo as editoriais; coñecemento insuficiente de linguas menos traducidas, etc.).

3.1.6. Escasa presenza do galego en traducións de carácter científico, aínda que hai certo apoio institucional para encher este baleiro (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Dirección Xeral de Política Lingüística).

3.1.7. Existencia de poucas traducións no ámbito audiovisual (subtitulados, dobraxes de cine, vídeo e DVD, etc.), como consecuencia da escasa presenza do galego nese tipo de mercado.

3.1.8. Pouca presenza da tradución na Rede, aínda que o proxecto Bivir da ATG pode encher este baleiro nun prazo medio se segue contando con apoio institucional e coa colaboración dos tradutores.

3.1.9. Inexistencia dunha planificación na actividade da tradución a curto e medio prazo nas súas diferentes vertentes (literaria, científica, etc.).

3.1.10 Escasa visibilidade dos textos traducidos nos medios de comunicación.

3.1.11. A actividade da tradución segue a sufrir o intrusismo de persoas que non teñen unha formación acreditada, tanto en linguas coma en técnicas de tradución.




3.2. Ameazas

3.2.1. Tradúcese cada vez menos e isto é unha tendencia que se constata ao longo dos últimos anos.

3.2.2. Hai unha forte competencia da tradución feita ao español. O mercado da tradución ao galego pode competir con moitas dificultades co mercado español da tradución, mesmo cando se fan esforzos importantes como a tradución de best-sellers.

3.2.3. Segue a dominar a tradución de literatura infantil, co cal se desatende o mercado dos adultos

3.2.4. Hai unha escasa promoción da tradución ao galego que sempre é a “irmá pobre” da creación autóctona. A aparición dunha tradución ao galego non ten o mesmo impacto mediático cá publicación dunha obra escrita orixinalmente en galego. Semella que a sociedade entende que a necesidade da tradución das grandes obras da literatura universal está cuberta polo español. Isto leva, na maior parte dos casos, a que se compre unha tradución ao castelán e non ao galego.

3.2.5. Elevado custo dos dereitos de autor nas obras (relativamente) recentes. As editorais, posiblemente, non poidan facer fronte a estes custos sen apoio oficial.

3.2.6. Escaso coñecemento de linguas por parte dos tradutores, especialmente aquelas que non se ensinan no sistema educativo galego.



3.3. Fortalezas

3.3.1. Tradutores cada vez mellor formados, tanto na tradución literaria como noutros campos, procedentes en boa medida das diferentes Facultades de Filoloxía e, desde hai 8 anos, da Licenciatura en Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo.

3.3.2. Existencia de tradutores que pode traballar con máis linguas que inglés, francés, alemán, italiano e catalán.

3.3.3. O número de tradutores literarios vai aumentando e tamén aparecen algunhas axencias de tradución que se preocupan pola publicación de obras literarias (non así de ensaio).

3.3.4. Existencia dun público lector que xa leu en galego orixinais e traducións dende novo (aínda que se cadra non son demandantes activos de literatura en galego)

3.3.5. Existencia dun portal como BIVIR que permite o acceso a obras que non publicadas polas editoriais e que teñen interese para a formación de futuros lectores en galego.

3.3.6. Existencia do premio Plácido Castro, que convoca a fundación do mesmo nome e a Asociación de Tradutores Galegos, que recoñece o valor das traducións publicadas no devandito portal. Porén, recoñecemos que este premio non ten a repercusión social que debía.

3.3.7. Importancia da actividade da tradución na normalización lingüística (emprego da lingua en todas as facetas e nos diversos ámbitos profesionais, enriquecemento estilístico, establecemento e difusión de terminoloxía, etc.).

3.3.8. Importancia da actividade da tradución na formación lingüística e cultural da poboación. Aínda que cada vez sexa maior o coñecemento de unha ou varias linguas estranxeiras, a tradución segue sendo o único elo posible para o acceso ao libro dun gran volume de persoas e seguirá a selo da inmensa maioría no caso de linguas menos estendidas ou menos estudadas na escola.

3.3.9. Moitos tradutores están involucrados ou participan activamente noutros eidos da realidade sociocultural galega (universidades, ensino primario e secundario, empresas, asociacións, colectivos).

3.3.10. Existencia dunha Licenciatura en Tradución e Interpretación moi involucrada na sociedade e na cultura galegas, de considerable demanda e prestixio social, que vén formando especialistas e conta con grupos de investigación consolidados.

3.3.11. Existencia de colectivos vinculados á tradución, como a pioneira Asociación de Tradutores Galegos, integrada na Federación Internacional de Tradutores (FIT), feito que lle permite ter certa “visibilidade” a nivel mundial, e a recentemente creada AGPTI (Asociación Galega Profesional de Tradutores e Intérpretes) que se dedica á defensa dos dereitos profesionais, especialmente dos licenciados/as en tradución (acaba de publicar uns “Estándares de Tradución” en Galicia).

3.3.12. Existencia de actividades consolidadas, mesmo con carácter internacional, que teñen como obxectivo o aprofundamento no labor da tradución e a súa promoción, o intercambio de datos e experiencias e a formación en aspectos específicos da tradución (revistas como Viceversa, Simposios da Asociación de Tradutores Galegos, Congresos de Tradución organizados na Universidade da Coruña, etc.), actividades que contan co respaldo de diversas institucións e da Administración.

3.3.13. Madureza acadada polo labor da tradución en Galicia, despois de vinte anos de andaina da Asociación de Tradutores Galegos, da consolidación da Licenciatura en Tradución e Interpretación, da aparición de novos colectivos e da realización de múltiples actividades.

3.3.14. Existencia dunha actividade de tradución desde o galego a outras linguas (entre elas linguas de grande extensión, como o inglés), que incide na saúde da lingua e da literatura galegas e introduce o galego no circuito de linguas obxecto de tradución.

3.3.15. Existencia crecente de traducións a outras linguas diferentes das linguas do noso contorno ou das linguas máis empregadas internacionalmente.

3.3.16. Existencia dun público lector formado en lingua galega desde a escola, polo menos en teoría.



3.4. Oportunidades

3.4.1.
A venda e lectura das obras traducidas en Galicia está asociada a unha política xeral do libro. Se se deseña esta política en Galicia, se a tradución aparece mencionada explicitamente na futura Lei do libro de Galicia, como factor fundamental para a normalización do sector, o futuro da actividade tradutora está garantida.

3.4.2. Plan de fomento de lectura de traducións, con apoio privado e da Administración.

3.4.3. Plan xeral de tradución a curto e medio prazo que abranga tanto a literatura universal nos seus diferentes xéneros coma os textos científico-técnicos. A planificación de obxectivos na tradución é indispensable. A Asociación de Tradutores Galegos pode colaborar no deseño desta planificación.

3.4.4. Política editorial das Administracións con aquelas obras que as empresas editoras consideran de escasa saída comercial, pero que deben existir en lingua galega. O carácter do libro como ben cultural, e non só económico, debe terse especialmente en conta no caso das traducións.

3.4.5. Fomento da tradución científico-técnica, agora que a lingua galega empeza a estar dotada de xeito considerable de repertorios terminolóxicos.

3.4.6. Fomento da actividade terminolóxica, importante como base da actividade de tradución de textos científico-técnicos e profesionais .

3.4.7. Fomento das traducións en datas sinaladas, como o Día das Letras Galegas, o Día do Libro, o Día do Libro Infantil e Xuvenil, as Feiras do Libro e o Nadal.

3.4.8. Fomento da figura do tradutor e da dignificación do seu traballo (cobro dos dereitos de tradución, aparición do seu nome nas portadas dos libros, sinatura de contratos, etc.).

3.4.9. Potenciación do uso nos centros de ensinanza das traducións da literatura universal en lingua galega. As lecturas das materias que se refiran á literatura universal deberían ser feitas en galego, sempre que a tradución teña o mínimo de calidade esixible.

3.4.10. Dotación das bibliotecas escolares de traducións en lingua galega e fomento da adquisición de material deste tipo. Cumpriría contactar con asociacións existentes neste eido (como a Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e de Lectura…) e, por suposto, cos sectores implicados nos centros de ensinanza, en particular cos profesores.

3.4.11. Creación de premios de tradución en diferentes apartados, dotados economicamente e coa suficiente repercusión social e mediática como para que contribúan a fomentar e prestixiar a actividade da tradución.

3.4.12. Procurar unha representación paritaria nos xurados dos Premios Nacionais de Tradución ou a institución dun premio por cada unha das linguas do Estado. O actual sistema fai case imposible que unha tradución que non sexa castelá poida obter algún recoñecemento.

3.4.13. Realización de seminarios, conferencias, etc. nos centros de ensinanza sobre o labor de tradución, a súa importancia cultural e a problemática que presenta.

3.4.14. Sinatura de convenios con editoriais, empresas xornalísticas, librarías, etc. para a edición, distribución e difusión de traducións.

3.4.15. Seguimento dos hábitos de lectura de traducións en galego e tamén das vendas.

3.4.16. Elaboración dunha Guía ou Libro Blanco da Tradución á e desde a lingua galega.

3.4.17. Promoción da tradución á lingua galega fóra de Galicia.

3.4.18. Fomento da “localización” de produtos informáticos en lingua galega (software educativo…).

3.4.19. Fomento de industrias culturais que poidan repercutir na actividade da tradución (dobraxe e subtitulados de cine, vídeo, DVD, …).

3.4.20. Promoción do coñecemento de linguas menos traducidas (organización de cursos, actividades específicas de formación para o colectivo de tradutores, etc.). Estas actividades poderían realizarse directamente desde algún organismo xa existente na Administración ou desde outro novo (unha especie de Escola Galega de Tradución, que levase a cabo tamén un labor editorial), ou ben delegarse noutra entidade (Universidade, determinadas Asociacións, etc.). Non se conseguirá unha verdadeira normalización da actividade tradutora se non se atopan profesionais que coñezan linguas menos traducidas (de grande ou pequena difusión).

3.4.21. Organización de cursos de formación en lingua galega para estudantes estranxeiros de Filoloxía ou Tradución, como medida para fomentar traducións co galego como lingua de partida. A presenza da literatura galega noutras linguas é fundamental para o prestixio da nosa cultura. Esta presenza, nestes momentos, é puramente testemuñal.

3.4.22. Sinatura de convenios con Universidades e centros estranxeiros para a tradución de obras da literatura galega.

3.4.23. Potenciamento da tradución como base de moitos elementos de normalización, tal e como se recolle no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, recentemente aprobado polo Parlamento de Galicia (notarías, farmacias, xudicatura, hostalaría, etc.), mediante o establecemento de convenios con asociacións de empresarios, colexios profesionais, etc.

3.4.24. Fomento da incorporación da lingua galega ás novas tecnoloxías que poidan repercutir no eido da tradución.

3.4.25. Apoio aos grupos e proxectos de investigación relacionados coa tradución a e desde o galego.

 

 

Última Atualización ( Mércores, 13 Decembro 2006 )