Asociación de Tradutores Galegos :: Introdución
   
Xoves, 20 Abril 2006

INTRODUCIÓN DA ATG

 

 

A Asociación de Tradutores Galegos (ATG) ten como obxectivo a potenciación da tradución á nosa lingua como ferramenta para a súa normalización e normativización.

Dado que non somos unha asociación profesional, o único requisito para entrar a formar parte da ATG é ter realizado traducións á nosa lingua: ben libros publicados (de calquera xénero), ben o equivalente noutro tipo de textos (guións cinematográficos, traducións para axencias ou particulares, etc.). Ademais, os licenciados en Tradución e interpretación, polo feito de o seren, poden formar parte da asociación, con voz pero sen voto ata que cumpran o requisito principal.
A actual directiva da ATG está composta por:

Xosé María Gómez Clemente, presidente
Dolores Sánchez Palomino, vicepresidenta
Antón Palacio Sánchez, tesoureiro
Alberto Álvarez Lugrís, secretario
Leandro García Bugarín, vogal

Unha vez ó ano reúnese a asemblea xeral, da que forman parte tódolos socios, na sede do ILGA, en Santiago de Compostela. Na asemblea xeral, ademais de informar sobre as actividades desenvolvidas ó longo do ano, debátense as accións que se desenvolverán durante o ano seguinte e nas que, por suposto, se solicita a colaboración de tódolos socios.

A iniciativa máis importante que neste momento estamos a desenvolver é BIVIR, a Biblioteca Virtual da Literatura Universal en Galego, da que lle xunto información ó final desta mensaxe.

A ATG e o Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo publican conxuntamente a revista "Viceversa. Revista Galega de Tradución", da que levamos publicados 5 números e estamos preparando o sexto.

Cada dous ou tres anos, a ATG, en colaboración coa Universidade de Vigo, celebra un Simposio Galego de Tradución. O último celebrouse en febreiro de 2005. Co título En voz allea tratáronse os problemas da tradución de literatura galega a outras linguas.

O proxecto de Biblioteca Virtual BIVIR da ATG quere poñer en galego as obras da literatura universal que aínda non podemos ler na nosa lingua debido á falta de interese por parte das editoriais ou debido a unha posible falta de mercado, de destinatarios. Ningunha lingua, ningunha literatura poderá estar plenamente desenvolvida ata que os seus lectores e autores poidan formarse nesa lingua como lectores críticos, é dicir, ata que poidan acceder na súa propia lingua a toda a literatura universal. E isto só se pode conseguir a través da tradución dos clásicos de tódolos tempos. Foi desta forma como se comezaron a desenvolver tódalas grandes linguas de cultura do mundo, especialmente as occidentais: os romanos traduciron os pensadores gregos, que á súa vez coñecían as principais obras de referencia das culturas orientais. Na Idade Media os reis e gobernantes italianos, franceses, alemáns e ingleses comezaron unha política planificada de tradución do saber clásico. O obxectivo non era só humanístico e cultural, senón tamén político, xa que o desenvolvemento dunha lingua de cultura propia era unha forma de reafirma-la identidade de cada pobo, de cada nación ou estado, fronte ós estados veciños. Por iso o desenvolvemento das linguas de cultura e das grandes literaturas europeas coincide no tempo coa creación e o afianzamento dos estados modernos.

Por motivos históricos, diversas nacións con lingua e cultura de seu, non conseguiron desenvolver completamente unha lingua de cultura. Tal é o caso do galego: malia ser o galego unha das linguas literarias por excelencia na Idade Media —non esquezamos que era a lingua escollida por poetas e trobadores galegos, casteláns, provenzais e italianos para compoñer cantigas—, este proceso de maduración da lingua veuse interrompido dende o século XIV por problemas políticos.

Dende que renaceu a conciencia lingüística en Galicia, cos precursores do Rexurdimento, un dos obxectivos principais é a recuperación dos ámbitos de uso do galego. Tense conseguido xa moito nos ámbitos familiar, oficial e mesmo académico, pero se non queremos que o galego se estanque e sobreviva unicamente como lingua litúrxica para as cerimonias máis ou menos oficiais —caso do irlandés—, cómpre que traballemos no seu rexuvenecemento, no seu enriquecemento por medio do contacto con outras linguas, próximas e exóticas. Por iso as traducións ó galego teñen un dobre obxectivo: por unha parte serven para nos dar a coñecer literaturas e culturas alleas, pero por outro son un instrumento de creación de lingua que contribúe á ampliación do léxico, á flexibilización da sintaxe, en definitiva ó medre da lingua.

É dicir, o proxecto de Biblioteca Virtual BIVIR non só vai ser beneficioso para a literatura e os lectores senón para tódolos falantes e usuarios do galego en xeral, mesmo para os que nunca entren nas nosas páxinas. Nas campañas de tradución literaria non é a literatura a única beneficiaria —e ás veces nin sequera a primeira beneficiaria— senón a lingua, como o demostran os casos do hebreo en Israel, do escocés ou do romanche, linguas para as que se teñen feito campañas deste tipo.

Para a creación do proxecto BIVIR, a ATG encargoulles ós seus socios e colaboradores a tradución de clásicos de tódolos tempos e de tódalas linguas cos que ir cubrindo pouco a pouco os moitos baleiros literarios que temos. A ATG págalles ós tradutores a tarifa completa (entre 1500 e 1900 pts o folio segundo os
casos) co obxectivo de que, a medio prazo, cando as editoriais vexan o proxecto en marcha e funcionando, teñan un aliciente máis para publicar en papel estas obras. Ademais, para premia-lo esforzo dos tradutores, establecerase en colaboración coa Fundación Plácido Castro un premio de tradución que levará o nome deste destacado intelectual e tradutor.

A ATG solicita a colaboración de tódolos tradutores, profesionais ou non, que queiran enche-los baleiros que aínda ten a nosa cultura no ámbito literario. As propostas de colaboración deberán ir dirixidas ó secretario do proxecto BIVIR
info@tradutoresgalegos.com. Este enderezo de correo está protexida contra robots de spam, tes que activar Javascript para velaEste enderezo de correo está protexida contra robots de spam, tes que activar Javascript para vela) e deberán incluír: título e autor do texto proposto e data aproximada de entrega. Os únicos requisitos que a ATG pon para a colaboración son:

a) que a obra proposta estea libre de dereitos de autor (caducan ós 80 anos do pasamento do autor), xa que non se pode facer cargo deste gasto.
b) que a tradución teña un mínimo de calidade. A ATG, ademais, encargarase de facer unha última revisión formal do texto.

Última Actualización ( 19/12/05 )
Pechar Fiestra