Viceversa, revista de tradución en galego | Números publicados | Información para os envíos | Consello

A revista Viceversa, dedicada a recoller traballos sobre a tradución en Galicia, comezou a publicarse no ano 1995 coa intención de encher un baleiro que existía nas nosas revistas científicas. Había pouco que se puxera en funcionamento a licenciatura de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo e a consolidación destes estudos era un feito evidente que demandaba unha publicación na que se puidese recoller, basicamente, a produción científica dos profesores dedicados ao ensino da tradución, a reflexión dos propios tradutores sobre o seu labor e unha serie de traballos que puidesen servir de axuda práctica aos estudantes de Tradución e Filoloxía Galega. Para isto pensouse nunha revista con seccións definidas:

1. Historia e teoría da tradución: Publicáronse artigos orixinais de investigadores galegos e estranxeiros sobre historia e teoría da tradución.
2. Instrumenta: As contribucións desta sección son eminentemente prácticas, orientadas á presentación de traballos sobre distintos temas: terminoloxía,fraseoloxía, ortografía técnica, comparación de linguas, etc.
3. Traducións xustificadas: Os tradutores reflexionan sobre o proceso da tradución, partindo do seu propio labor.
4. Críticas e recensións: Pretende recoller algunhas opinións sobre as traducións publicadas en galego e sobre libros, en calquera lingua, relacionados coa disciplina.
5. Informacións: Congresos, reunións da FIT, etc.

Durante estes anos que a revista se leva publicando, temos que salientar o traballo de todos os membros do consello de redacción, en especial o daqueles que estiveron na dirección e na secretaría da revista, xa que sen eles a revista non podería ir para adiante.

Esperamos que esta páxina sexa de utilidade para todas as persoas interesadas na tradución e, sobre todo, na cultura e lingua galegas.

ATG. Asociación de Tradutores Galegos
info@tradutoresgalegos.com
+34 652 596 684
Copyright 2012. ATG - Asociación de Tradutores Galegos